contact@domain.com
1, My Address, My Street, New York City, NY, USA

ENVIRONMENTAL PROTECTION MANAGEMENT

As mentiras do vento. O disparate macro-eólico
Home » Biodiversidade  »  As mentiras do vento. O disparate macro-eólico
As mentiras do vento. O disparate macro-eólico

Facemonos eco xunto cos xornais anovapeneira.gal e praza.gal do artigo de Bruno Centelles García, voceiro do IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) e da Plataforma SOS Groba.

Desde hai xa algún tempo, intensificado nestes últimos días –e non precisamente por causa do “tren de borrascas”- vimos sufrindo o acoso dunha moi ben organizada e calculada “ofensiva proeólica” que, con máis forza que razón, desde os principais medios de comunicación de masas os gobernos da Xunta e do Estado, os empresarios e inversores, articulistas, columnistas, e algún que outro sesudo sindicalista pretenden influír na cidadanía con todo tipo de notas e artigos en contra das recentes decisións do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) a propósito da “cuestión eólica”.


E sempre actuando como apesebradas voces do seu todopoderoso ventrílocuo: O Capital.


É certo que a nivel ideolóxico-argumental calquera tema é discutible. Iso é o lóxico, o lexítimo e o desexable. Pero sempre con transparencia, honestidade e respecto entre as partes e coa intención de chegar a acordos asumibles. E no caso da implantación de complexos industriais eólicos privados polo país adiante no había de ser menos.


Cuestións como a descarbonización, a transición hacia as “enerxías verdes”, a sostibilidade, o freo a o cambio climático, a mellora da industrialización, a creación de postos de traballo e tantos outros “cantos de serea” baten de pleno coa legalidade vixente e coas adversas consecuencias derivadas en forma de afeccións ao medio natural (augas, flora, fauna, biodiversidade, paisaxe…), ao patrimonio común (arqueolóxico, histórico, etnográfico, cultural e mesmo lingüístico…) e, en definitiva á calidade e ao modo de vida das comunidades locais.

Esta lóxica discusión mantense no tempo na denominada “vía administrativa” na que os promotores interesados presentan e defenden os seus macroproxectos, a Xunta e o goberno central apoian estas propostas e os medios de comunicación de masas bendícenas, un día si e o outro tamén procurando ocultar a opinión da cidadanía activa organizada que mantén os seus argumentos contrarios a semellante disparate. E todo este “partido” xógase no marco legal vixente.

Moi pouco ten que ver este debate ideolóxico-argumental entre uns e outros co seu encaixe no marco legal. Na vía administrativa, desde a sesgada e viciada exposición pública dos proxectos até o recurso de alzada pasando polos períodos de alegacións, ocultación de documentación pública, contraste de diferentes informes técnicos… non se chegou a acordos e solucións satisfactorias para as partes.
Unha vez esgotada e pechada a “vía administrativa” coa resposta negativa da Xunta aos recursos de alzada corresponde abrir a “vía xudicial” coa presentación, por parte das organizacións cidadás das correspondentes demandas diante do TSXG.


Cómpre salientar aquí as enormes dificultades que os colectivos demandantes deben salvar para, cumprindo os esixentes requisitos legais, técnicos e económicos seren quen de artellar fundamentadas demandas –unhas veces pola vía da “xustiza gratuíta” e outras por medio de campañas de recadación de cartos- en contra de proxectos eólicos concretos. Corresponde entón á Sala 3º do Contencioso-Administrativo do TSXG, da que fan parte cinco maxistrados e maxistradas, emitir fallo sobre cuestións eminentemente xurídicas.

Non é agora o momento de falar de bondades nin de afeccións. Non estamos xa a falar se unas e outras son inexistentes, mínimas, poucas, apreciables, moitas ou esaxeradas. Non estamos a falar se son ou non son proporcionais nin tampouco se os danos causados serán ou non irreparables e irreversibles. Estamos en sede xudicial, señores e señoras. Nada máis e nada menos que na máis alta instancia da xustiza galega, na sala do Contencioso-Administrativo. Non se decide sobre outros aspectos.
Estamos ao que estamos! Estamos no momento de decidir se un comportamento, documentado por todas as partes, está ou non dentro da legalidade.
Se o procedemento é axustado ao marco legal seguirá o seu curso. Se o procedemento non se axusta ou incumpre o marco legal será anulado.

Nunha sociedade democrática resulta indignante comprobar como determinados axentes cuestionan as decisións xudiciais cando non son do seu agrado, chegando mesmo a poñer en dúbida a integridade de determinados maxistrados. Inaceptable!

Ese “grupo promotor” formado por políticos de todos os niveis, inversores, promotores, constructores, medios de comunicación afíns, estómagos agradecidos e últimamente mesmo sindicatos, basea as súas accións no control das mellores armas e ferramentas: Controlan o Parlamento e, non satisfeitos con redactar, aprobar, modificar ao seu gusto e comenencia cantas leis precisan, poñen á Xunta ao servizo do capital e ás costas da cidadanía. Manexan, manipulan e controlan eficazmente o DOG, o BOE, os BOP,s e canta publicación oficial precisan. Manipulan a realidade, falsean os datos na defensa dos seus intereses. Traballan en grupo, organizan as súas estratexias, fabrican e utilizan as armas que precisan e, aínda non satisfeitos, violan reiteradamente o marco legal que eles mesmos previamente deseñaran!
E, polo momento, isto é todo, señorías!

Scroll al inicio