contact@domain.com
1, My Address, My Street, New York City, NY, USA

ENVIRONMENTAL PROTECTION MANAGEMENT

Nota de Prensa: NON MÁIS MACRO EÓLICOS
Home » Arqueoloxía  »  Nota de Prensa: NON MÁIS MACRO EÓLICOS
Nota de Prensa: NON MÁIS MACRO EÓLICOS

O único modelo EÓLICO que aceptamos é o NON MÁIS EÓLICOS, PROTEXER E AMPLIAR A REDE NATURA LIBRE DE PARQUES EÓLICOS, FOMENTAR O AUTOCONSUMO e o FIN DA ESPECULACIÓN.

Negamos con rotundidade a necesidade de mais macro eólicos. Máis de 3.500 aeroxeradores espallados por toda a xeografía galega e a correspondente potencia instalada, son máis que suficientes para satisfacer as necesidades enerxéticas de Galicia, se non fora que se está especulando coa enerxía producida, sacrificando insustentablemente unha vez máis os valores paisaxísticos, culturais e ambientais e os recursos naturais do noso territorio en favor dos intereses económicos das grandes empresas e lobbies do sector, no seu mercado cara a un consumo nada eficiente e ao exterior.

Non pode ser que sistemas como a Dorsal Galega alberguen máis de 450 aeroxeradores, que afectan a espazos emblemáticos e protexidos da Rede Natura 2000 como a ZEC Monte Faro, a ZEC Serra do Candán e a ZEC Serra do Cando, onde xa hai tamén parques eólicos instalados.

Non pode ser que o Complexo eólico Cerceda-Ordes contemple máis de 200 aeroxeradores para a mesma zona e arredores.

E non pode ser que os Montes do Gato e a súa contorna acaden os 99 aeroxeradores.

Non pode ser que a Costa da Morte Sur acade os 821 aeroxeradores, afectando a espazos tan prezados e valiosos como a propia Rede Natura Costa da Morte, IBA e ZEC Carnota -Monte Pindo.

Non pode ser o lamentable estado da Serra do Xistral e a súa entorna, onde se contabilizan máis de 1000 aeroxeradores ou a costa norte da provincia da Coruña, que se achega aos 324 aeroxeradores instalados.

Non pode ser que as Terras do interior da provincia de Pontevedra ou a contorna montana das Rías Baixas, co seu interese paisaxístico, natural, cultural e arqueolóxico, se encha de parques eólicos como, de xeito masivo e espallado, se está a proxectar.

Non pode ser que espazos de grande interese natural como o Macizo Central ou Os Ancares se enchan de eólicos, como está a acontecer na actualidade, con máis de 436 aeroxeradores.

E non pode ser que un niño de águia real fique a escasos 15 quilómetros rodeado de 268 eólicos ou que unha única parroquia a atravesen 4 liñas de alta tensión.

Isto só ten un nome posible, Corrupción. Só desde a corrupción e a través da especulación se poden chegar a autorizar 60 parques eólicos dunha tallada.

Non, Non pode ser que en Galicia a protección ambiental non pase do 12% do seu territorio -da máis baixa a nivel estatal onde a media está na actualidade ao redor do 30%- e o 88% restante do territorio sexa favorecido pola especulación urbanística e industrial.

Mentras Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con máis hábitats de interese comunitario e cunha das máis baixas proteccións a nivel estatal, a densidade eólica galega instalada tanto por superficie como por habitante é a máis alta do Estado e por riba da que a propia Unión Europea preveu no seu momento.

As perdas enerxéticas no transporte, son como mínimo do 30%.

Por engadido a eólica mariña porá en perigo a pesca e ameazará de xeito directo ou por proximidade a fauna, a flora e os ecosistemas dos espazos naturais protexidos ZEC e ZEPA da Rede Natura 2000, Parque Nacional das Illas Atlánticas… Nin un eólico máis.

Abonda de aeroxeradores e parques eólicos. Non máis eólica, nin terrestre nin mariña.

Hai que ordenar de xeito sustentable a que xa está instalada e deixar aos espazos da Rede Natura, tanto actuais como futuros, libres de parques eólicos.

Pero xunto a este traballo paulatino hai que ir instalando o autoconsumo, mediante accións que o fagan realmente eficaz e efectivo. Por exemplo e entre outras, que os tellados se enchan de placas solares pois non é un inconveniente senón unha débeda histórica con Galicia que demandamos desde xa.

Xestión respetuosa e responsable do que xa hai implantado. Sacar aeroxeradores e minimizar o impacto producido xunto coa restauración ambiental en espazos naturais protexidos. Ampliar a superficie ambientalmente protexida con respecto á existente na actualidade. Fomentar o autoconsumo a nivel local e a baixa escada de maneira efectiva. E sobre todo, non máis especulación coa nosa terra e cos nosos recursos, tanto terrestres como mariños, non máis política irresponsable e Cero Corrupción.

Asinan:

Ecoloxistas en Acción Galiza, Atlántica e Verde

Asociación ambiental Petón do Lobo

Comité pola Defensa das Rías Altas

Asociación galega Cova Crea

Amigos e Amigas dos Bosques “O Ouriol do Anllóns”

IEM Instituto de Estudos Miñoráns

Asociación O Vilar

SOS Groba

Salvemos Monteferro

Asociación Val de Torés

Plataforma defensa dos Ancares

A Ría Non se Vende

A Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza e O Bierzo

Véspera de Nada

Scroll al inicio