contact@domain.com
1, My Address, My Street, New York City, NY, USA

ENVIRONMENTAL PROTECTION MANAGEMENT

Nota de Prensa. Devastador informe do Consello da Cultura Galega sobre as irregularidades no proceso administrativo e de construcción do Proxecto Eólico ACIBAL
Home » Arqueoloxía  »  Nota de Prensa. Devastador informe do Consello da Cultura Galega sobre as irregularidades no proceso administrativo e de construcción do Proxecto Eólico ACIBAL
Nota de Prensa. Devastador informe do Consello da Cultura Galega sobre as irregularidades no proceso administrativo e de construcción do Proxecto Eólico ACIBAL

Desde "Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde", "Petón do Lobo" e "Cova Crea" e diferentes colectivos veciñais solicitamos ao CCG, o pasado 12 de abril de 2023, un informe  acerca da posible afectación ao patrimonio cultural e aos achádegos arqueolóxicos  do Monte Acibal. (Amil, Moraña)

Estas mesmas asociacións e colectivos solicitaramos xa con anterioridade a paralización inmediata do parque eólico Acibal, pola súa afectación ao humidal de Brañas do Amil e sobre a masa protexida de auga soterrada Caldas- O Salnés advertindo dunha "grave alteración hidrolóxica" do humidal e dos mananciais de auga potable polas obras para instalar os aeroxeradores.

Advertimos ademais do posible incumprimento das condicións da DIA do parque eólico Acibal. Durante a execución das obras e de construción do parque eólico e o control e seguimento arqueolóxico realizouse de maneira deficiente posto que varios elementos patrimoniais remataron danados.

Constan  na hemeroteca declaracións de Francisco Conde, vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía e lndustria, nas que aseguraba que se paralizarían parcialmente as obras do parque eólico Acibal na zona onde apareceron  os últimos  petróglifos engadindo que se van "respectar  os achados arqueolóxicos, do  mesmo   modo  que  se  está  facendo  coa  totalidade dos  proxectos  xa aprobados".

O informe do Consello da Cultura Galega, do que se acompaña unha copia íntegra, ofrece as seguintes

Conclusións:

- A primeira e principal conclusión da análise do proceso de tramitación e execución do parque eólico Acibal refírese á insuficiencia  tanto  do  recoñecemento dos elementos patrimoniais naturais e culturais, como tamén das medidas de protección destes e da paisaxe. Cómpre salientar que non foi posible revisar a información  relativa ao expediente do parque eólico, non facilitada pola DXP a pesares de serlle formalmente solicitada.

- A identificación  na avaliación ambiental da zona húmida das Brañas de Amil non seguiu  a súa inclusión  no Inventario  de zonas húmidas  de Galicia,  que   tería  que   realizarse  de  oficio.  De feito, a delimitación e protección destes humidais é  imprescindible para a salvagarda  do  patrimonio  natural  diante  deste  tipo  de afeccións, igual que é necesaria unha definición e aplicación moito máis esixente e con máis garantías das medidas de protección, que o que se levou a cabo neste parque eólico.

Estes aspectos  son extensibles á caracterización  e salvagarda do patrimonio cultural. Cómpre a realización dunha prospección  arqueolóxica superficial de toda a área afectada polo proxecto de construción que se estea a avaliar, e do seu contorno inmediato. Esta prospección  ten  como  obxectivo  a identificación,  catalogación  e delimitación  dos   restos  arqueolóxicos   conservados,  para  proceder  á  súa   protección   e salvagarda.

O Catálogo das paisaxes de Galicia propón a identificación dos elementos ou composicións que caracterizan cada ámbito dunha forma máis específica.  No caso do parque eólico Acibal esta tarefa non se realizou, nin no Catálogo, nin na avaliación ambiental do ano 2020, nin no planeamento urbanístico que é anterior  a este Catálogo. Así, non se identificou a unidade de paisaxe e non se avaliou o grao  de impacto  dentro da  área  de aproveitamento eólico sobre  os  valores  paisaxísticos, naturais ou ecolóxicos, culturais ou patrimoniais, e estéticos ou panorámicos considerados de maneira integrada.

- No parque eólico Acibal non se chegou a realizar unha  identificación  previa á execución  do mesmo  do patrimonio cultural,  nin do arqueolóxico,  nin do inmaterial, e cando  se fixo no transcurso das  obras, todo  indica  que  se xestionaron  os elementos como  bens illados  da paisaxe, do ambiente e do medio social.

- No proceso de información  pública non se valorizan as alegacións que responden a un coñecemento  directo  da  cidadanía  da  paisaxe  cultural, coñecemento  resultado  dunha herdanza  de séculos  de manexo  do territorio. 

- A mobilización social das comunidades locais na defensa do seu territorio e do seu patrimonio non ten o seu reflexo no lado da administración. De feito, non se lles recoñece o dereito a ser parte das decisións que afectan aos territorios nos que viven. E aínda máis, non existe transparencia na  toma  de  decisións  e  non  se  lles facilita  unha  información  directa,  completa, clara e accesible. 

- O estudo  deste caso pon en evidencia a necesidade urxente dunha  avaliación cualitativa das políticas públicas no ámbito  do desenvolvemento eólico. Mais tamén  da protección  da paisaxe, do patrimonio natural  e cultural  que analice  resultados  e impactos,  enfocando  os resultados  cara a un mellor  e máis integrado deseño  destas  políticas en Galicia.

Na avaliación ambiental dos parques débese ter en conta o sinalado en Consello da Cultura Galega (2021) revisando os conceptos  e criterios de protección  do patrimonio natural, cultural e da paisaxe atendendo ás normas  vixentes,  establecendo a protección  que  lles corresponde.

- Cómpre  avaliar de  maneira  conxunta  todos  os  parques eólicos contiguos  que comparten infraestruturas comúns, e analizar os seus efectos acumulativos.

Débese  contar  coas comunidades locais polo seu coñecemento do territorio,  sen  negarlles  o dereito  a ser  parte  das decisións  que  afectan  á súa  relación  co territorio que habitan.

                                                                                                                                           Galicia, 4 de agosto de 2023

Scroll al inicio