contact@domain.com
1, My Address, My Street, New York City, NY, USA

ENVIRONMENTAL PROTECTION MANAGEMENT

Ecoloxistas en Acción Galiza alerta dos 5 parques eólicos que ameazan á aguia real e ao oso pardo nos Ancares-Courel
Home » Biodiversidade  »  Ecoloxistas en Acción Galiza alerta dos 5 parques eólicos que ameazan á aguia real e ao oso pardo nos Ancares-Courel
Ecoloxistas en Acción Galiza alerta dos 5 parques eólicos que ameazan á aguia real e ao oso pardo nos Ancares-Courel

Piden non autorizar os proxectos eólicos Treboada, Ventumelo, Xeada, Orballeira e Neboada e anular as respectivas declaracións de impacto ambiental por infracción normativa e nulidade de pleno Dereito alegando os prexuizos que se ocasionarían aos hábitats das especies catalogadas como vulnerables e en perigo de extinción e en consecuencia ás propias especies.

Entre as devanditas especies en perigo de extinción figuran o aguia real, o miñato real e a tartaraña cincenta. Tamén veranse afectados gravemente os hábitats do oso pardo e moitas especies de réptiles e anfibios. A non execución deste proxectos estaría xustificada tendo en conta que se sitúan dentro de zonas de alta sensibilidade, non recomendadas para a instalación de plantas eólicas segundo a zonificación ambiental do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

A asociación considera moi grave que a industrialización de territorios emblemáticos non teña en conta o patrimonio natural e a biodiversidade, o cal a todas luces vulnera leis de protección ambiental e ten unhas consecuencias irreversibles para a contorna e a propia Rede Natura. Ademais da afección directa sobre paisaxes protexidas e sobre as especies, a execución do plan podería quebrantar á necesaria conectividade ecolóxica dos ecosistemas. E por se fóra pouco, os proxectos sitúanse preto das poboacións de Treboada, Ventumelo, Neboada, Xeada e Orballeira. Todo xunto, e de levarse a cabo estes proxectos, implicará unha vulneración dos intereses públicos de carácter xeral que de ningún xeito poderían seren paliados con medidas compensatorias.

No referente ao proxecto industrial eólico Ventumelo, sito nos concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo), e promovido por Wind Hero, S.L., Ecoloxistas en acción presentou recurso de alzada e solicitude de suspensión. Esta ultima foi denegada por la Consellería de Economía, Industria e Innovación. Entre os motivos de dita solicitude estaban que parte do trazado da poligonal está dentro da paisaxe protexida “Val do río Navea”, incluída dentro da Rede galega de espazos protexidos, e dentro tamén da reserva da biosfera “Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel”, á súa vez incluída no xeoparque Montañas do Courel, ambas consideradas áreas protexidas por instrumentos internacionais. Ademais, o proxecto está incluído dentro do ámbito do Plan de recuperación do sapoconcho europeo, e é moi evidente que a afección paisaxística e moi importante, en especial no Val do Río Navea e Montefurado, e a miradoiros como o de Monte Furado e Pena Folenche.

Afeccións semellantes presenta o proxecto eólico de Treboada, e no caso de Neboada os estudos indican un perigo para a vida de especies protexidas, en perigo de extinción ou catalogadas coma vulnerables, todas elas dentro do Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA). Afeccións non só producidas pola industrialización das montañas e os accidentes coas palas dos muíños, senón tamén coas liñas de alta tensión que necesitaranse levantar por todo o territorio.

Ecoloxistas en acción Galiza denuncia que a vulneración paisaxística esténdese ao patrimonio cultural producindo a súa descontextualización dos xacementos, castros, igrexas, capelas e o mesmo Camiño de Santiago (Camiño de Inverno) e a Ribeira Sacra (ben de interese cultural coa categoría de paisaxe cultural). En xeral, o impacto visual e paisaxístico é severo e esténdese aos espazos pretos da Rede Natura 2000, e polo tanto esnaquizando a propia coherencia da Rede Natura. Pero afectaría tamén a núcleos de poboación importantes como O Barco, A Rúa, Quiroga, a Pobra de Trives ou Viloira, sendo as aldeas máis próximas aos parques eólico as que presentan unha visibilidade máis elevada, como ocorre con Roblido, Fiais e Cereixido.

Destacar tamén que o proxecto industrial eólico Orballeira tamén presenta unha afección severa para masas maduras de carballeiras e soutos de castiñeiros: hábitats naturais de interese comunitario, sobre os que existe a obriga normativa de mantelos.

Por último, Ecoloxistas en Acción Galiza denuncia a elevada saturación de aeroxeradores crea unha barreira crítica para as aves e a biodiversidade, fragmenta os hábitats, produce un inaceptable efecto sinerxia e xera un importante “feísmo” paisaxístico que debera terse en conta polo órgano substantivo. Asemade, reduce as posibilidades de recuperación de especies como oso pardo, cuxa presenza no termino municipal de Quiroga, por exemplo, está xa documentada polos numerosos danos en colmeas producidos nestes últimos anos por exemplares desta especie.

Scroll al inicio