contact@domain.com
1, My Address, My Street, New York City, NY, USA

ENVIRONMENTAL PROTECTION MANAGEMENT

En resposta a insistencia do Sr. Méndez (2)
Home » Biodiversidade  »  En resposta a insistencia do Sr. Méndez (2)
En resposta a insistencia do Sr. Méndez (2)

Ver en resposta ao Sr. Méndez (1)

Asistimos con máis estupor en cada nova ocasión que o Sr. Méndez aparece nun medio de comunicación. Supérase en manifestar o seu descoñecemento científico, demagoxia, intolerancia e insulto con cada aparición. Reiteramos o noso asombro con que sexa un representante sindical, actualmente responsable de estratexias industriais de CCOO de Industria de Galicia e anteriormente secretario de cambio de modelo produtivo e sustentabilidade. Xa só o título do seu texto de opinión é “auto-explicativo”, pero chegaremos a iso máis adiante.

Desde o primeiro parágrafo enmaraña o debate querendo facernos crer que a instalación de enerxías renovables vai liquidar a dependencia enerxética; e a maiores, garántenos a liberdade, a seguridade e o sistema de valores. De que nos fala Sr. Méndez? Seica non recoñece o seu discurso demagóxico? De verdade quere que creamos iso coa que está a caer no planeta?. Certamente, xa cansa oírlle falar de proxectos industriais estratéxicos sen que ofreza detalles respecto diso; é estratéxica Alcoa? ...que foi subvencionada con fondos públicos desde hai anos e non sobreviviría sen eses fondos; son estratéxicas Resonnac e Pneumáticos As Pontes cuxo produto irá destinado ao coche eléctrico? Debe considerar que apostar polo coche eléctrico é apostar pola transición enerxética sabe vd. que o sector transporte representa o 25% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro en España (5 puntos por encima da UE por certo) e que a estrada representa case o 95% das emisións? quere facernos crer que eses proxectos de hidróxeno verde é a día de hoxe unha alternativa viable? Xa é hora de que explique os proxectos en detalle e as características que os fan estratéxicos, máis aló de utilizalos como bandeira para plantar MACRO muíños eólicos. E falando de MACRO eólicos: Sabe Vd. que xa en 2019 e sen contar o case centenar de novos proxectos solicitados, antes da pandemia e da carreira desaforada por implantar parques MACRO eólicos en calquera parte, xa existían 2 municipios en Coruña e outros 2 en Ourense con polo menos 1 aeroxerador por cada 20 persoas, 5 municipios en Lugo onde en 2 subían a 3 e 12 aeroxeradores por cada 20 persoas?. Sabe Vd. tamén que a esa data xa había 23 municipios na Comunidade Autónoma con máis de 5 aeroxeradores /10 km2, dos que en 6 había máis de 1 aeroxerador/ km2; nun municipio máis de 2 e noutro municipio máis de 4 aeroxeradores/ km2?

Volve á carga con cualificar de sen sentido as reclamacións, - legais, lexítimas, un dereito da cidadanía e necesarias en democracia-, e de rumbo e descoñecemento da caste xudicial; insistímoslle en que a caste xudicial interpreta a normativa vixente e emite os seus ditames en base a ela. Reiterámoslle que explique ao seu público porqué a Xunta de Galicia aproveitará a Lei de orzamentos 2024 para modificar normas vixentes e facilitar así a implantación de parques e macroparques eólicos. Asistimos estupefactos á campaña de presión, descualificación e desacreditación a un dos poderes do estado; calquera demócrata sentiría igual.

E abunda sen vergoña algunha no que chama “nacionalismo territorialista de baixa estofa”, “falsa defensa do territorio”, “non podo evitar comparar esa argumentación coa do fascismo” “eco-fascismo mal disimulado”, e aínda por riba permítese apelar a que un cuestionamento lícito sobre a formulación actual das enerxías renovables en Galicia, estaremos a financiar a un tirano no leste, Oriente Medio ou Norte de Africa.

Pois ben Sr. Méndez, sen tirarnos ao barro no que está e sen entrar na súa provocación reaccionaria – non sen un gran esforzo – dicímoslle que: sobra recorrer a “palabrejas” que inclúan a palabra fascismo: xa sabemos quen manexa eses termos para sementar odio, rexeitamento, intolerancia e violencia!; sobran os discursos demagóxicos sen fundamento; que non se pode soprar e sorber ao mesmo tempo defendendo unha cousa e a contraria; que a súa solvencia e solidez científica e intelectual coa transición enerxética é nula á vista do seu texto; que non sabe nada de economía circular ( a pesar dos seus antecedentes públicos na internet) cuxo obxectivo é xerar capital económico, social e natural; si, tamén natural! ; sobran os cualificativos grosos e as descualificacións baseadas en opinións persoais, e desde logo, sobran as falsidades, as acusacións infundadas, os insultos, a intolerancia e o autoritarismo. Quen odia Sr. Méndez?

Scroll al inicio